sábado, 28 de enero de 2012

Cartaces de lactancia

cartaz Congreso fedalma 2012

Dunha banda, velaquí o cartaz anunciador do Congreso Fedalma deste ano, realizado por María del Pilar Jiménez Salvador.
O congreso celebrarase os días 29 e 30 de xuño en Águilas (Murcia) e terá como lema "Lactación materna: un compromiso social", coa finalidade de resaltar a importancia de que as familias poidan exercer o seu dereito a aleitar e a vivir positivamente esta experiencia.
Nas webs de Fedalma e do grupo de apoio Lactancia feliz iredes atopando máis información sobre este congreso, mais xa podemos avanzarvos un dato: nel participará como relatora a nosa Patricia;)

Doutra banda, sabemos tamén que Alba lactancia, de Barcelona, organizará o Congreso Fedalma no 2013 e xa convocou o concurso de cartaces para anuncialo...

cartaz concurso carteis Albalactanciamaterna

... Se vos animades a participar, podedes consultar as bases aquí.

domingo, 22 de enero de 2012

Reunión temática de xaneiro

 Báscula bebé

Dedicaremos esta primeira xuntanza temática do 2012 a un tema sobre o que adoitamos recibir consultas: o peso do bebé.
Ao crermos que o bebé non mama dabondo, cómpre que analicemos catro indicadores:
- Ouriños
- Deposicións
- Estado xeral
- Peso
En canto a este último, teremos en conta as curvas de crecemento publicadas pola OMS no 2006 para nenos e nenas de peito, que podedes consultar aquí.
Na reunión veremos posíbeis situacións de baixo peso e resolveremos as vosas dúbidas sobre este e outros aspectos do aleitamento... e pasaremos un bo rato;)
Se vos interesa, xa sabedes: vémonos o venres 27 de xaneiro de 17 a 19h horas no Centro Lug II!

sábado, 21 de enero de 2012

Programación do primeiro semestre

relatorio 19.09.09

Coma sempre, dedicaremos a xuntanza do derradeiro venres do mes a un tema, do seguinte xeito: 

27 de xaneiro: o peso do bebé
24 de febreiro: lactancia e reincorporación ao traballo remunerado
30 de marzo: lactancia e fertilidade, embarazo e aleitamento en tándem
27 de abril: o destete
25 de maio: reunión especial para futuras nais e futuros pais
29 de xuño: festa fin de curso

Ademais estamos a preparar para a primavera:
-xornadas de asesoría en lactación materna
-concurso de debuxo na Mariña

Lembrade que se queredes botarnos unha man na asociación, so tendes que escribirnos a bicodeleite@yahoo.es... Toda axuda é benvida!

miércoles, 18 de enero de 2012

Boa sorte

En decembro a nosa Patricia mudouse a Burriana (Castellón) coa súa familia, deixando en Bico de leite un oco irreemplazable. Como coidamos que non lle demos a homenaxe que merecía, tras todos estes anos de activismo e de axuda desinteresada ás nais lactantes, velaquí unha pequena entrada para que saiba que a botamos moitísimo de menos. Así se despedíu dela unha de nós hai uns días:
 
Ola Patri, entereime da túa partida o martes porque fun ao cole e preguntei por Román. Xa sei que sempre ando na verza, pero cando lía na lista algo do estilo "cando veña", pensei que estabas de vacacións, non que nos deixases. Primeiro, moita sorte alá onde esteas, malia que sei que non a precisas, ti mesma es garantía de éxito. Non pode ser doutra forma que adique un anaco da miña noite a darche as grazas por todo aquelo que aquí deixas feito. Coñecéndote, imaxino que tentarás seguir o máis vinculada posible a Bico, pero como nai, sinto enormemente non terte preto. Es un exemplo enorme para min como nai, pero sobre todo como muller, levas a chispa en todo o que fas e Bico perde un brazo sen ti. Como biqueira recente, tentarei aportar aquilo que teño, que non é máis que a ilusión por un proxecto compartido e pola necesidade innegable de defender aquilo no que creo, só son unha nai que quere dar a teta con liberdade e ser prexuízos.
Non sei o que poderei aportar, pero aquí me tedes. Grazas por todo o que fas e mil bicos, pisa forte, algunhas intentamos seguirte. Un bico de leite emocionado para ti e un enorme para Román, foi un pracer enorme compartir tan bos anacos de descubrimento xuntos. Na miña retina quedan moitas risas, algún que outro momento de frustación e moita ledicia por telo coñecido. É un gran neno. SORTE. (Rocío)


E para pechar esta entrada, en representación de todas as nais ás que axudou Patricia, velaquí unha fermosa imaxe da segunda lactancia da Rocío:

álex

miércoles, 11 de enero de 2012

SMLM 2012

smlm2012

WABA xa anunciou o lema da Semana Mundial da Lactación Materna 2012: 

Comprensión do pasado-Planificación do futuro

Este ano celébrase:
-o vixésimo aniversario da Declaración de Innocenti
-o décimo aniversario da Estratexia mundial para a aimentación do lactante e do neno pequeno

Son obxectivos da vindeira SMLM:
1. Lembrar o acontecido nos derradeiros 20 anos de apoio á lactación materna
2. Celebrar os éxitos e mais os logros do movemento de apoio ás nais lactantes
3. Avaliar o estado de aplicación da devandita Estratexia 
4. Chamar á acción para pechar as fendas das políticas e programas sobre lactación  materna e alimentación do lactante e do neno pequeno
5. Chamar a atención pública sobre o estado das políticas e programas sobre lactación  materna e alimentación do lactante e do neno pequeno
6. Amosar o traballo nacional a nivel mundial