sábado, 29 de octubre de 2011

Segundo obradoiro de outono

papa mudando

O sábado 5 de novembro ás 11.00 no Centro social Maruja Mallo (r/ Primavera 37, Lugo) a nosa socia e fisioterapeuta Belén García Iglesias impartirá un obradoiro de MASAXE INFANTIL.
Este obradoiro é gratuíto para as socias e custa só 5€ para as demais persoas.
Segundo a Asociación española de masaxe infantil, esta "é unha antiga tradición en moitas culturas do mundo, que se transmitiu de nais a fillas e que foi redescuberta en Occidente. Moitos estudos de investigación revelan a necesidade do contacto afectivo como parte fundamental dos primeiros anos de vida, e a masaxe infantil é un dos máis agradábeis e doados métodos para establecer este primeiro contacto... O bebé non se nutre só de comida, precisa fundamentalmente amor e agarimo, que lle proporcionen unha seguridade e acollida emocional para poder crecer de xeito armónico".

Convencímosvos, non si? Pois inscribídevos antes do sábado 5 en bicodeleite@yahoo.es, ese día vide co voso bebé, unha mantiña e aceite de masaxe, e listo!;) 

viernes, 21 de octubre de 2011

Reunión temática de outubro

coleito

O venres 28 de outubro de 17 a 19h no Centro Lug2 (r/ Pintor Corredoira 4) teremos a nosa xuntanza temática mensual sobre LACTANCIA E SONO.

Este tema adoita preocupar ás nais e aos pais, como é lóxico, xa que durmir é unha necesidade fisiolóxica básica;) así que velaquí máis información para mellorar as noites... Xa vos avanzamos que a evidencia científica apoia que a familia durma xunta, habida conta da fase de exteroxestación dos nosos bebés.  

Web Dormir sin llorar
Web Alba lactancia materna
Tríptico Unicef sobre o coleito

Desta e doutras cuestións relativas ao aleitamento falaremos o vindeiro venres.

Lembrade ademais que ese mesmo día temos dúas actividades máis:
- Ás 12h no Salón de actos do HULA terá lugar o acto de clausura da exposición fotográfica sobre lactación materna, coa proxección do documental "Restaurar o paradigma orixinal", do doutor Nils Bergman.
- Ás 18.30 no Centro CENIMA de Foz proxectarase o documental "O peito non ten horario", da experta consultora en lactación materna Gro Nylander, acto ao que bebés, nenos e nenas son moi benvidos.  

A entrada a estes tres eventos é libre e gratuíta.

Agardámosvos!

lunes, 17 de octubre de 2011

Exposición fotográfica no hospital de Lugo

IMGP5711

Coma un máis dos actos da Semana mundial da lactación materna, e tralo seu paso por Foz e Burela, ao longo do mes de outubro podedes gozar da exposición fotográfica no hall do Hospital Lucus Augusti, coas fermosas fotos do concurso de Fedegalma do 2009, acompañadas de textos escritos polas socias de Bico de leite.

Cartaz  

Clausurarase o venres 28 de outubro ás 12.00 no Salón de actos do devandito hospital, evento no que se proxectará o documental de Nils Bergman "Restaurar o paradigma orixinal".  O doutor Bergman dirixe a Maternidade do Hospital de Mowbray (Sudáfrica) e é un prestixioso investigador e defensor do método canguro (lactación materna e contacto pel con pel), que a Organización mundial da saúde recomenda implementar en todos as Unidades de Neonatoloxía.

Aproveitamos para agradecer ao Hospital Lucus Augusti a súa actitude favorábel dende o inicio para albergar esta exposición e para a celebración do acto ao que agora vos convidamos, no que se amosará o devandito documental, cuxo visionado, tanto para profesionais como para familias, consideramos imprescindíbel.

Animádevos a asistir! 

 

sábado, 15 de octubre de 2011

Sorteos

sorteos

De cara ao Nadal, tendes dúas opcións máis para colaborar coa nosa asociación, mercando:
- ben participacións de lotería, por 5 € (recargo 1€) - o número evos ben bonito... e o cartaz aínda máis...;)
- ben boletos da nosa rifa (3€), na que poderedes conseguir este lote de libros:
“Comer, Amar, Mamar" de Carlos González
“Lo que hacen las madres, sobre todo cuando parece que no hacen nada" de Naomi Stadlen
“Dormir sin lágrimas” de Rosa Jové
“Maxia!” de Charo Pita e Madalena Matoso
“Ella” de Àngel Sauret

Moitas grazas por adiantado!
 

lunes, 10 de octubre de 2011

Primeiro obradoiro de outono

Yo también

O sábado 15 de outubro de 10.30 a 12h no Centro social Maruja Mallo (r/ Primavera 37, Lugo) Carmen Sirvent Artiaga impartirá un relatorio-obradoiro sobre SENTIMENTOS DE NAIS E PAIS.
É a segunda vez que contamos coa colaboración altruísta desta psicóloga, tralo obradoiro de primavera, que fora un grande éxito. Para quen non a coñezades, dirémosvos que Carmen é unha marabillosa terapeuta humanista de exquisita intuición e ampla experiencia, especializada en maternidade e psicoloxía infantil.
Nesta ocasión falaremos dos sentimentos que xorden en nós como consecuencia de ser nais e pais, analizarémolos, intercambiaremos experiencias...
O obradoiro é gratuíto para as socias e custa só 5€ para as demais persoas.

Gostabamos ben de que viñésedes;)

Nota: Pregamos puntualidade, xa que Carmen tén de saír ás 12 en punto (graciñas)
 

sábado, 8 de octubre de 2011

Cinema na Mariña

Bebes-la-pelicula

Coma parte das celebracións da SMLM 2011 na Mariña, que comezaron o pasado sábado 1 coa presentación do noso libro, agora propoñémosvos un ciclo de cinema que esperamos que vos guste.

Proxectaremos dous filmes do ano 2010, ambos moi recomendábeis, ás 18.30 no Centro CENIMA de Foz:

- 14 de outubro: Bebés

Este documental francés segue a vida de catro bebés, durante o seu primeiro ano de vida, en diferentes lugares do mundo. Nel temos a oportunidade de ver como transcorre o día a día destes nenos e nenas e de comparar como se relacionan co seu contorno de diferente xeito, segundo onde vivan...

- 28 de outubro: O peito non ten horario

Este documental noruegués, entre outras cuestións, trata a relación do fracaso do aleitamento coa separación nai-bebé. Os textos son da experta asesora Gro Nylander.

A entrada é libre e gratuíta, sendo os bebés, os nenos e as nenas máis que benvidos. Trátase de pasar un bo rato en familia -agora que vén o frío;)

Vémonos alí!

Cartaz

martes, 4 de octubre de 2011

Comezan as festas...

san frolilan asociativo

... E comprácenos anunciarvos que este sábado 8 na praza de Santo Domingo (tralo kiosko de prensa), participaremos nesta interesante iniciativa, xunto con estas 11 asociacións:

A cova da terra
Adega
Asambleia anticapitalista lucense
Axunica
Ayuda en acción
Bandullo ecolóxico
Implicadas no desenvolvemento
Mádia leva
15-M
Asociación pola defensa do parque Rosalía
Proxecto home

Esperamos que este sexa só o inicio dun traballo en rede con outras asociacións que operan na nosa cidade.
     
Non esquezades pasar polo noso stand!

Nota: Gardaremos a recadación nunha caixa de caudais que foi un agasallo da ferretería Nodal -grazas;) 

lunes, 3 de octubre de 2011

Así foi a presentación do noso libro na Mariña

presentación

O sábado fixemos unha bonita presentación do noso libro:

Esther leu unha consulta, que empezou ela e.... rematou Sabela...
Beni falou un pouco do inicio da asociación e da formación do grupo da Mariña, así como da importancia dos grupos de nais...
Patricia leu manifesto da SMLM 2011...

E logo seguimos falando do que facemos e non facemos nos grupos de lactancia.

Gozamos moito deste acto, no que seguimos o lema da SMLM que con el inauguramos: COMUNICÁMONOS

presentación3

Grazas mil...
Ás organizadoras (Montse, Carina, María José)
Ás que participastes na presentación
Ás que asististes a ela
E especialmente á dona da libraría Ofifoz, polo seu apoio e a súa colaboración desinteresada

Seguimos a tecer redes...

Prensa

Regresamos ao Centro Lug2...

Lug II

A partir de outubro volvemos reunirnos no Centro Lug2 (na intersección das rúas Armando Durán e Pintor Corredoira).
Debido á xestión privada deste centro dependente da Xunta de Galicia, agora cóbrase pola utilización das súas instalacións -tamén ás entidades sen ánimo de lucro, coma a nosa (aínda que a contía a pagar sexa menor: 30€ ao ano).
Tivemos un debate interno sobre se seguir reuníndonos alí, xa que na nosa asociación non estamos de acordo coa privatización dos servizos públicos, incompatíbel co modelo de Estado social que sería desexable.
Porén, por diversos motivos de carácter práctico, decidimos seguir celebrando alí as nosas xuntanzas (polo menos até decembro 2012) e...

... Agardámosvos!  
 

sábado, 1 de octubre de 2011

SMLM 2011: programa

IMG_7694

Como sabedes, hoxe comezan en todo o mundo as celebracións pola Semana da lactancia materna, con ocasión da cal programamos os seguintes actos:

En Foz...
    Presentación do noso libro "Cinco anos de Bicos... de leite": hoxe 1 de outubro, ás 18:00 na libraría Ofifoz (cartaz aquí)
    Cine para mamás e bebés (programa por determinar)

En Lugo...
    Exposición fotográfica no Hospital universitario Lucus Augusti: todo o mes de outubro (cartaz aquí)
    Participación no San Froilán asociativo: día 8 de outubro na praza de San Marcos

SMLM 2011: manifesto

logo_breastfeeding_gateway

Lactancia materna: Fala connosco!

MANIFESTO

Dende Bico de leite e dende todo o movemento social a favor da lactancia materna, recoñecemos:

• Que a lactancia materna é un dereito de todas as familias.

• Que aumentar a duración do aleitamento ten efectos positivos para toda a comunidade.

• Que o apoio ás familias que elixen aleitar a seus fillos e súas fillas pasa por unha boa información, unha boa atención sanitaria, o respecto social, medidas de conciliación familiar e laboral axeitadas e tamén pola implicación de todos os seus membros.

Temos en conta:

Que a comunicación é un elemento esencial para protexer a lactancia materna e apoiar ás mulleres que aleitan.
Que arestora enos posíbel comunicarnos a través de grandes ou pequenas distancias nun intre.
Que xurdiron novos canais que permiten actualizar coñecementos e difundir información fiable e actualizada sobre lactancia materna.

Cremos que cómpre:
 
Traballar en rede alén do noso tempo e lugar, propiciando deste xeito o debate e o diálogo a todos os niveis e en todos os eidos.
 
E, polo tanto, pedimos:
 
• Que dende todos os ámbitos se difunda información fiable e actualizada sobre lactancia materna.
• Que as entidades, persoas e organismos comprometidas co apoio ás nais lactantes dispoñan de recursos para dar visibilidade á situación actual da lactancia e atender ás nais.
• Que as familias poidan atopar con facilidade recursos na súa comunidade que lles ofrezan información e apoio no seu desexo de aleitar.
• Que se dea visibilidade e apoio ás necesidades das familias que aleitan.

Feliz Semana Mundial da lactancia materna!!!