viernes, 29 de julio de 2011

Lactancia e cine III

Bebes-la-pelicula

Bebés (Thomas Balmès, 2010)

Este documental segue a vida de catro bebés, durante o seu primeiro ano de vida, en diferentes lugares do mundo.
Nel temos a oportunidade de ver como transcorre o día a día destes nenos e nenas e de comparar como se relacionan co seu contorno de diferente xeito, segundo onde vivan...
... mais non queremos avanzarvos máis;) Simplemente comentarvos que a lactación materna tén (afortunadamente) unha importante presenza, sobre todo na vida do bebé namibio...

Web oficial

lunes, 25 de julio de 2011

Lactancia e profesión médica

Gran parte das dificultades polas que atravesa o mundo débense a que as persoas desinformadas están completamente seguras e as persoas informadas, cheas de dúbidas (Bertrand Russell)

médica

Eu tiven a sorte, cando naceu meu primeiro fillo, de dar cunha pediatra pro-lactancia, pro-crianza con apego, inmunóloga, alergóloga e ademais puericultora.
Máis dunha vez saín da consulta cunha receita debidamente asinada e selada que puña: “Delle teta, toda a que poida”. Ela dicía que o da receita era para dar a sensación psicolóxica á nai de que o pediatra estaba “resolvendo” a súa inquedanza.
Dúbidas coa lactación, veña recomendarme o grupo de apoio. Dúbidas sobre choros, sono ou alimentación, veña recomendarme os libros do Carlos González.
Pois esa mesma doutora contoume un día que aos pediatras non se lles ensina cómo criar un neno san, senón cómo curar patoloxías, e que, polo tanto, un pediatra non sabe NADA da práctica da lactancia, senón só de fisioloxía. Que de práctica saben as nais experimentadas e mais os grupos de apoio.
Entón, que diremos de médicos de cabeceira, urólogos, etc... que saberán eles sobre o aleitamento? Por que dan en recomendar destetes ou cuestionar decisións que son, antes que nada, moi persoais?
Parecera que o levar a bata branca lles obriga a ter resposta para todo, mesmo para o que non lles preguntamos.
E se topan con algunha nai que XA tén as respostas que precisa, tómano coma que “en Internet dinse moitas cousas”, ou coma que “qué saben eses da OMS, que só estan alí sentados sen facer nada”...
O triste é cando dan con nais confusas, con dúbidas, que necesitan respostas acertadas, e o que reciben é un baleirado das súas propias experiencias e crenzas, dos seus prexuízos, vamos, desinformación en estado puro.
E esa nai sae da consulta coma se levase unha receita asinada e selada que di: “É unha parvada aleitar a miña filla de 18 meses”, “Teño que ir pensando en destetar a meu bebé de 9 meses”, “Hai que quitar o peito mentres tome antibiótico”, ou calquera outra barbaridade das que adoitan dicirse a cotío ás nais lactantes nas consultas.
É o poder que teñen as batas brancas.
A ver cándo as mulleres facemos valer o poder que temos coma nais.

Elimar

viernes, 22 de julio de 2011

A falar da teta!

tercera-lactancia

As compañeiras de ALMA avísannos de que organizan, en colaboración con FEDEGALMA, un concurso de relatos sobre lactancia materna no que podemos tomar parte todas as nais galegas, contando as nosas experiencias, os nosos sentimentos ao aleitar...

Temos aínda tempo até o 31 de agosto do 2011... Participaremos, non si?;)

Máis información

lunes, 18 de julio de 2011

O destete natural nos animais

antitetas

Tirando da miña deformación profesional coma veterinaria, hoxe quero escribir sobre un tema que adoita dar moito que falar e ser causa dalgunhas desavinzas familiares e sociais: o destete.

Cando e como destetar as crías ?

É normal que sigan mamando os pequenos cando xa andan, comen, falan, e mesmo van ao cole?

Como xa sabemos as posturas dos organismos oficiais prolactancia ... agora quero facer unha comparativa a título informativo co destete dos animais.
O primeiro é dicir que entre eles a variabilidade é tan ampla case coma entre nós, hai nais que mesmo se negan a aleitar as súas crías, o que non deixa de causarnos tristeza e incomprensión...
E hainas que destetan abruptamente, sen contemplacións, cando a elas lles parece, apartando os cachorros e fuxindo do seu contacto.
Isto é bastante común entre as cadelas, ás que os cadeliños adoitan trabar e deixarlles marcados os dentiños nas tetas, o cal non pode ser nada agradable de aturar.
En xeral, o destete coincide coa introdución da alimentación de adultos de forma plena, é dicir, os gatiños deixan a teta cando xa comen moito pienso para gatiños, os becerros destétanse de todo cando xa poden comer herba ou cereais...

Ou non??

Pois non. É moi frecuente que tanto gatiños coma becerros queiran seguir mamando moito mais alá de empezar a comer de todo. E o máis curioso se cadra é que moitas vacas e gatas non poñen impedimento en que o sigan facendo e continúan dándolles a teta... mesmo até a idade adulta.

Seguro que as/os que teñades relación coa gandeiría e o mundo rural e/ou os/as que criárades moitos gatos, isto xa o sabiades...

Dende tempo inmemorial utilízanse métodos e dispositivos coercitivos para evitar estas lactancias realmente prolongadas. Xeralmente colócase no fuciño dos buchos (ou máis frecuememente buchas) un aparello con pinchos cara arriba, de xeito que, ao ir mamar, crávanselle estas púas á vaca na ubre e polo tanto ela fuxe, patéao, e non lle permite aleitarse.
Arestora estes dispositivos veñen de fábrica con moi variados deseños e calidades e responden ao explícito e sinxelo nome de "ANTITETAS"...

Coma este blog non trata sobre o benestar animal nin sobre o papel da veterinaria na prevención do maltrato... non me extenderei na miña opinión ao respecto destes usos e costumes. Que cadaquén se faga a súa propia opinión.

Sinxelamente quería deixar constancia de que a lactancia e o destete poden ser tan complexos e involuntarios nos nosos semellantes mamíferos coma en nós.
Os animais domésticos tenden a sufrir os mesmos prexuízos que as mulleres e as nenas e nenos, e a cotío son sometidos a parecidos tratamentos condutistas e coercitivos...

Xa vedes, o destete a miúdo non é tan natural e espotáneo como se podería pensar... nin sequera nos animais.

Patricia

viernes, 15 de julio de 2011

Concurso de carteis

Paintbrushes

Se alguén de vós goza de dotes artísticas, ten aínda mes e medio para deseñar o cartel do Congreso de Fedalma 2012, que terá lugar en Águilas (Murcia) e cuxo lema será "Lactancia materna: un compromiso social".
Aquí podedes consultar as bases desta interesante iniciativa.

viernes, 8 de julio de 2011

O leite materno está contaminado?

contaminación

  Onte saíu na televisión esta nova:
  "A causa da baixa calidade do esperma dos homes podería estar nos contaminantes que afectan ás nais, durante o embarazo e a lactancia. Analizouse leite materno de mulleres galegas e catalás e todos estaban contaminados por diversos tóxicos"
  Aquí temos un vello tema (hai estudios deste tipo en diversos países dende hai moitos moitos anos), sempre igual de mal tratado polos medios, e, o que é peor, polos propios investigadores. Que, no canto de poñer o dedo acusador nos contaminantes, o poñen no leite materno, que queda como o verdadeiro culpable dos males dos pequenos.

 Pártese duns supostos verdadeiros:

-O leite é un marcador fiable da contaminación ambiental, porque leva unha mostra representativa da graxa da femia que o produce, e na graxa corporal acumúlanse case todos os tóxicos.
-Os tóxicos ambientais son abundantes na nosa sociedade industrial e nocivos para saúde. Moitos actúan como disruptores endocrinos, substituíndo ás hormonas e alterando a fisioloxía reprodutiva, entre outras.
-Os bebés nas súas primeiras etapas de crecemento, sobre todo intraútero, son especialmente sensíbeis a estes contaminantes.
-A calidade do semen e as taxas de fertilidade masculina están baixando a niveis preocupantes nas últimas décadas.

  Pero á vez ignóranse outros supostos igualmente certos e moi importantes para interpretar correctamente os resultados do estudo:

-As taxas de lactación materna dende hai case un século son tan baixas en todo o mundo que a maior parte da poboación apenas recibiu leite materno na súa infancia, ou non o recibiu en absoluto.
-O leite de vaca tamén ten unha alta concentración de contaminantes e tóxicos ambientais (que, non vos enganedes, non eliminan ao procesar o leite para adaptalo aos bebés). 
-Ademais de carecer da grande maioría dos compoñentes normais do leite da propia especie, o leite artificial en si é malo para a saúde.

 Polo tanto, a miña conclusión directa é que se cadra é mais ben a FALLA de leite humano o que podería estar causando esta epidemia de infertilidade, xunto coa elevada e preocupante concentración de tóxicos por contaminantes ambientais, tanto no aire que respiramos como na auga que bebemos, ou na totalidade dos alimentos que inxerimos ao longo da nosa vida.

  Daría risa se non fose que é para chorar, que xusto teñan que sinalar co dedo ao alimento máis natural e mellor adaptado ás nosas necesidades, o máis seguro,  o máis nutritivo e o único que realmente nos protexe de enfermar: o leite humano.
Estaría ben que fixesen un estudo de verdade prospectivo e caso-control, no que diferenciasen a calidade do esperma (dentro duns anos) dos nenos alimentados con leite humano comparándoo co esperma dos nenos alimentados con leite de vaca modificado. Teño para min que o resultado non variaría grande cousa... aínda que se cadra saían peor parados os de leite artificial... Non vos sería a primeira vez...
En calquera caso, o que debería preocuparnos a todos, comezando por científicos e políticos, son os contaminantes e a súa orixe, como diminuílos e facer que desaparezan da cadea alimentaria, e non do leite materno, onde van parar en última instancia.

  Pero xa sabemos que descontaminar o ambiente dá moitos menos cartos que vender leite artificial e tratamentos de fertilidade...

Patricia

jueves, 7 de julio de 2011

Unha oportunidade desaproveitada

11Vull_pit_.jpg

O pasado 16 de xuño aprobouse no Congreso a Lei de seguridade alimentaria e nutrición, que podedes consultar aquí.
É unha norma que desenvolve o dereito á saúde, recoñecido no artigo 43 da Constitución, que encomenda aos poderes públicos "organizar e tutelar a saúde pública mediante medidas preventivas e as prestacións e servizos precisos".
Trátase dunha lei ambiciosa, de contido moi variado... na que se obvia toda referencia á lactación materna, o cal é especialmente indignante en dous capítulos:
- Capítulo VII: Alimentación saudábel, actividade física e prevención da obesidade
Bótase de menos unha alusión á protección do aleitamento materno no ámbito das garderías e dos centros educativos, tendo en conta que hai anos que sabemos que o exceso de graxa e de proteína do leite de vaca contribúe ao sobrepeso dende a infancia...
- Capítulo VIII: Publicidade de alimentos
Esta era unha marabillosa ocasión (se os movementos pro lactancia tivésemos feito o noso traballo de presión social) para elevar a rango de lei as disposicións do Real decreto regulador dos preparados para lactantes (RD 867/2008 de 23 de mayo), constantemente vulnerado polos establecementos distribuidores de leite artificial...
En fin, trátase dunha lei controvertida noutros aspectos (non acadou o consenso nin das asociacións de empresarios nin das de consumidores), mais no tocante á lactación materna non é xa que sexa discutíbel, é que a obvia por completo, contribuíndo así a invisibilizala (aínda máis)...   

lunes, 4 de julio de 2011

Máis ca un congreso

01072011520

Onte volvín de Castelldefells. Coma "asesora en formación", esta foi a miña primeira vez nun congreso sobre lactación materna e, a verdade, foi toda unha experiencia...

Venres 1 de xullo
Comezamos co relatorio inaugural, un relatorio sen relator, xa que se trataba dunha fermosa presentación con reflexións filosóficas e históricas sobre a lactación materna e cos (moi emotivos) relatos de tres nais.
A continuación aprendemos (eu, moitísimo) sobre inmunidade e síntese do leite materno, coas doutoras Ana Martín e Catherine W. Genna.
Á tarde, tralas comunicacións de profesionais, rimos co sentido de humor de Carlos González falando da alimentación complementaria (aproveito para anunciarvos que as papillas teñen os días contados!) e gozamos das explicacións da neonatóloga Concha de Alba sobre o apego.

Sábado 2 de xullo    
Este día tivemos a sorte de escoitar a Catherine W. Genna en dúas ocasións: pola mañá falounos da comunicación e da integración sensorial dos bebés e pola tarde das "bandeiras vermellas" é dicir, dos sinais, ben da nai, ben do bebé, aos que debemos estar atentas as asesoras. Catherine é unha recoñecida experta, unha excelente comunicadora e unha encantadora persoa. Aquí podedes vela coa nosa Patricia:

02072011527
 
A media mañá Carmela Baeza ofreceunos unha intervención preciosa (unha das miñas preferidas) sobre lactación materna e sexualidade, á que seguiu unha mesa redonda sobre os grupos de apoio.
Comezamos a tarde coas comunicacións libres e unha das elixidas foi a de Patricia, sobre dous casos de hipogalactia, o cal é unha grande fachenda para Bico de leite! E para que compartades esta alegría connosco, velaquí unha fotiño:

02072011530

A clausura do evento correu a cargo de Rosa Jové, que reflexionou sobre cómo coa lactación materna podemos mellorar a economía, o medio ambiente, a conciencia cidadá... o mundo, en definitiva...
... E isto era precisamente o que se respiraba neste evento:
   A pertenza a un movemento social imparábel
   A solidariedade entre nais
   O amor por nosos fillos e nosas fillas
   O valor dos sentimentos
   A sensación de que PODEMOS
... Vamos, que estou desexando que sexa o Congreso Fedalma do ano que vén!;)

Susana