lunes, 28 de febrero de 2011

Próximas actividades

klimt2

Velaquí o que temos programado para vós:

11 marzo: festa de Entroido

25 marzo:
- Lugo: xuntanza temática Lactancia e fertilidade
- Foz: relatorio Normalizando o aleitamento materno

29 abril: xuntanza temática sobre o destete

7 maio: festa do certame de debuxo

18 maio: presentación do noso libro en Lugo

27 maio: xuntanza temática para futuros pais e nais

28 maio: relatorio-obradoiro Autoestima da nai

11 xuño: obradoiro de portabebés en Burela

24 xuño: festa de fin de curso 
 
Irémovos informando de cada evento un por un aquí...
Esperamos a vosa participación!;)

25 mesiños

Iso cumpre hoxe este blog, que xa se achega ás 100 entradas e, dende xuño do ano pasado (que foi cando Blogger incorporou a estatística), duplicou o número mensual de visitas, como podedes ver nesta gráfica:

estadística feb 2011

Grazas, de corazón, a todas as persoas que nos acompañades nesta viaxe;) 

domingo, 20 de febrero de 2011

Reunión temática de febreiro

traballo

O venres 25 dedicaremos a nosa xuntanza a falar de lactancia e reincorporación ao traballo remunerado. 
Veremos cómo poden compatibilizarse e, no caso de horarios laborais longos, cómo extraer e conservar o leite materno. Para isto pode servos útil o Manual de extracción editado por Fedegalma, do que podedes recoller unha copia impresa nunha das nosas reunións.
Nesta cuestión é especialmente importante que as nais reciban a información e mais o apoio axeitados, e esa é a nosa tarefa;)
Así que, se vos interesa o tema ou tendes outras dúbidas sobre lactancia, vémonos o venres 25, a partires das 17 horas, no noso local do Centro Lug II. Até pronto! 

Dereitos das nais traballadoras  
Artigo do grupo de apoio á lactancia Alba
Libro de LLL con experiencias de nais que aleitan e traballan fóra da casa

Lactancia e cine

A teta e a lúa (Bigas Luna, 1994)
Esta película conta a historia dun neno, Tete, que sinte envexa cando a súa nai aleita ao seu irmanciño e tenta buscar outra nodriza.
Como curiosidade, dirémosvos que, segundo o dicionario Morandini, é o primeiro filme da historia que leva a palabra "teta" no título. Porén, quizais a iso se limite o seu interese, xa que non gozou de boa acollida nin na crítica nin no público e só gustou a incondicionais do director catalán...   

A teta asustada (Claudia Llosa, 2009)
Oso de ouro en Berlín hai dous anos, esta obra é de maior calidade...
Trata dunha moza, Fausta, que cre sufrir a doenza que dá título ao filme, consistente na transmisión do medo e do sufrimento de nais a fillos e fillas a través do leite materno. A película analiza, polo tanto, as consecuencias da violencia política  dos anos 80 na sociedade peruana actual.



Coñecedes algunha peli máis na que a lactancia materna teña unha presenza importante?      

miércoles, 16 de febrero de 2011

Lactancia e bebés de alta demanda



O etiquetamento de nosos fillos e nosas fillas é un perigo que deberiamos evitar, mais varios estudos indican que unha quinta parte dos bebés podería calificarse como de alta demanda. Caracterízanse principalmente, seguindo a William Sears, por seren moi intensos, sensíbeis e activos, por durmiren pouco e por precisaren contacto físico e aleitamento constantes.

Non se trata dunha doenza, senón dun rasgo temperamental do neno ou da nena, mais a súa crianza pode resultar especialmente difícil. É a aceptación, sen reservas, do seu carácter na primeira infancia o que aseguraría, segundo Stanley Turecki, que máis adiante se convirtan en persoas creativas e positivas.

Coma sempre, compartimos convosco algúns links que cremos interesantes...
Web específica
Web específica en inglés
Consellos para o aleitamento nocturno

domingo, 13 de febrero de 2011

SMLM 2011

A Alianza mundial pola lactancia xa elixiu o lema da Semana mundial da lactancia materna 2011: "Comunícate! Lactancia materna: unha experiencia 3D"
Normalmente pénsase no tempo e mais no lugar do aleitamento, aos que este orixinal eslogan engade unha nova dimensión: a comunicación, o diálogo, cos que compartir coñecementos e experiencias sobre lactancia.
Ao longo deste mes publicarase o programa de actos na web do devandito organismo.



Por certo, este blog é o noso principal vehículo de comunicación e gostariamos ben de oír as vosas opinións e suxerencias para melloralo;)
    

jueves, 10 de febrero de 2011

Lactancia e cesárea

Tras un nacemento por cesárea, a lactancia materna ten vantaxes adicionais:
- Para a nai: o útero recupera antes o seu tamaño normal e favorécese a perda de peso.
- Para o bebé: a protección frente ás infeccións é especialmente importante se houbo rotura de bolsa ou o bebé fica ingresado no hospital.
Non obstante, estas nais adoitan atopar obstáculos externos á instauración do aleitamento, así que velaquí algunhas recomendacións:
- Evitar a separación nai-bebé trala cesárea ou minimizala. Non existen impedimentos a iniciar a lactancia xa no quirófano.
- Reforzar a autoestima materna mediante mensaxes positivas, celebrando cada pequeno logro.
- Elixir unha postura cómoda para aleitar, p.e. tumbada ou rugby.

Se o teu bebé naceu por cesárea e vos custa comezar a lactancia, chámanos ou ven a unha das nosas reunións e axudámoste!

(Nota: esta entrada parte dun estupendo artigo da Dra. Ibone Olza que podedes ler completo aquí)    

lunes, 7 de febrero de 2011

Posturas



Na rede demos con esta imaxe e gostamos ben dela! Mais as nais que levamos un tempo aleitando a nosos nenos e nosas nenas xa coñecemos moitas máis posturas... Animádesvos a contárnolas?